Transferencia de resultados


Forma parte da responsabilidade social dunha universidade pública transferir os seus resultados da docencia, pero singularmente da investigación, á sociedade.

Os procesos de transferencia son indispensables para avanzar no coñecemento e facer evolucionar as sociedades e a USC ten que modernizar toda esta filosofía para acadar as maiores cotas de éxito posibles.

A estratexia para conseguilo fundaméntase na mellora da xestión, a través da modernización e a consolidación, e na creación de conexións entre os equipos de investigación e o tecido social, institucional e económico que teña interese na innovación e no desenvolvemento.

As accións que propoñemos para mellorar a transferencia de resultados son:

 

Mellora da xestión

  •  Modernizar a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento para lograr aumentar os indicadores de transferencia e lograr unha maior valorización social, económica e científica dos proxectos de investigación.
  • Creación dun protocolo de axuda e orientación para os procesos de presentación de patentes e de licenzas.
  • Asegurar, a través desas unidades de apoio á transferencia, o contacto periódico con investigadores da USC para analizar as posibilidades de cada momento  e orientar en función de demandas detectadas o carácter transferible da actividade investigadora e innovadora que se dá na USC.
  • Deseñar un manual normativo-orientativo que recolla protocolos de actuación no ámbito da transferencia do coñecemento, a investigación e a innovación (protección da propiedade, patentabilidade, …).
  • Crear un programa de fomento da transferencia do coñecemento, a investigación e a innovación como vía de conexión entre a universidade e a sociedade.

 

 Creación de interese

  • Mellorar a visibilidade e a reputación dos grupos de investigación para aumentar a captación de investimento e a divulgación dos resultados, tanto a través da Área de Comunicación como dos procesos de difusión e divulgación científica.
  • Creación dun catálogo de tecnoloxías e capacidades da USC, con especial atención á singularidade dos Campus de Lugo e Santiago, para optimizar a potencialidade de transferencia e innovación da universidade compostelá.
  • Establecer canles eficaces con empresas e empresariado para dar a coñecer as posibilidades de transferencia relevantes paras as súas necesidades e intereses, e para coñecer os problemas que requiren de solucións que se poidan investigar na USC.

 

image_pdfimage_print