Tecnoloxías da información


Cremos nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs) como elementos tácticos e estratéxicos para a nosa universidade. Non podemos conformarnos con ser só operativos, senón que temos que buscar o crecemento e a mellora dos procesos tecnolóxicos.

Por iso, desde a candidatura que encabeza Juan Viaño propomos facer un proceso dialogado para a incorporación eficaz das TIC en todos os procesos de docencia, investigación e prestación de servizos.

O eixe fundamental para isto na USC radica na Área TIC, sen dúbida unha das áreas estratéxicas que precisa de máis consolidación e innovación para poder adaptarse ás tendencias actuais. Non entanto, resulta imprescindible establecer canles de conexión directas entre esta área e a comunidade de usuarios, que en definitiva, é o público obxectivo de todas as accións que se realizan neste sentido.

As propostas da candidatura para modernizar a estratexia, a operatividade e o uso das TICs son:

 

Mellorar a estratexia e a xestión

  • Modernizar a estrutura organizativa da área TIC para adaptala ás novas necesidades tanto tácticas e estratéxicas coma operativas.
  • Crear unha Unidade de Innovación dentro da Área TIC para poder analizar e crear mecanismos de adaptación ás novidades constantes do sector TIC.
  • Crear a Comisión do Usuario, un organismo formado por representantes de todos os sectores da comunidade universitaria, encargado de promover e debater as accións estratéxicas relacionadas coas Tecnoloxías da Información.
  • Crear unha comisión mixta da Área TIC coas grandes áreas de xestión para ter un contacto permanente e garantir a viabilidade e execución dos proxectos (Área de Xestión Académica, Área de Comunicación, Servizo de Relacións Exteriores, …).
  • Fortalecer o equipo de desenvolvemento de proxectos para asumir a maior parte dos mesmos dentro da Área e reducir as externalizacións.

 

Mellorar as necesidades diarias

  • Actualizar a burocracia para os trámites diarios (altas, baixas, ….) e incorporar a administración electrónica a todos os procesos.
  • Mellorar os tempos de resposta, especialmente nas incidencias técnicas. O tempo máximo de resposta non debe superar as 24 horas.
  • Mellorar as capacidades que temos na actualidade para as comunicacións (taxas de transferencia, tamaño das mensaxes de correo electrónico, capacidade de almacenamento, CPD ….).
  • Fortalecer o Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (Campus Virtual) para lograr ofertar un maior número de recursos en liña para a docencia e a investigación.

 

image_pdfimage_print