Presentación


A Universidade de Santiago precisa dun proceso de modernización e de mellora urxente para lograr consolidarse como unha das universidades de referencia.

Con este obxectivo presentamos esta candidatura, encabezada por Juan Viaño, e que pretende establecer os principais alicerces para construír unha nova USC.

A nosa proposta que lle ofrecemos á comunidade universitaria ten tres partes. Na primeira deseñamos un proxecto que se fundamenta na defensa da universidade pública e do idioma galego e na concepción da Universidade de Santiago de Compostela como un centro educativo superior moderno e con claro espírito internacional. Entendemos tamén a USC como un lugar asentado en dúas cidades fundamentais en Galicia, Lugo e Santiago, sen dúbida unha oportunidade para darlle á sociedade o que precisa en termos de coñecemento, formación e evolución.

A segunda parte da proposta de Juan Viaño é o programa. Son as propostas concretas que temos para conseguir que o noso proxecto funcione. Non entanto, cremos firmemente que as nosas ideas poden ser melloradas pola comunidade universitaria, e por iso abrimos un período de dúas semanas para que todos opinen, aporten e analicen as nosas ideas. Así logramos, sen dúbida, o mellor dos programas posibles, con máis de 100 achegass directas e co debate xeneralizado entre a comunidade universitaria.

Cremos no talento de todos e todas os que estamos na USC e queremos o mellor para cada un de nós. Iso é o que nos animou a facer un programa 2.0 no que todos teñen a oportunidade de ser escoitados. O noso compromiso é firme nese sentido.

Por último, temos que garantir a acción, a xestión de todo o comprometido neste programa. Para acadalo temos a sorte de contar cun magnífico equipo de persoas que traballan día a día para logralo. Ese equipo está liderado por Juan Viaño e formado polo conxunto de vicerreitores e vicerreitoras que serán os encargados de cumprir en catro anos todos os retos incluídos neste programa. Este equipo preséntase ante a comunidade universitaria como un conxunto de persoas, capaces de xestionar e promover todos os retos.

Para facelo, para poñer en acción a USC e modernizar a nosa universidade, precisamos o teu apoio. Quero chegar a ser reitor, xunto co equipo da miña candidatura, para cambiar a USC. Se acertamos, teremos prestado un servizo máis á nosa alma máter. Sentímonos coas forzas para conseguilo. Esperamos contar cos apoios para que, ao cabo de catro anos ,se perciba, desde dentro e desde fóra, unha USC renovada e mellorada. Unha USC que encara o futuro coa seguridade de ter un proxecto claro, viable e valioso. Un proxecto de todas e todos nós.

 

Juan Viaño

image_pdfimage_print