Os principais compromisos coa Comunidade Universitaria


Este programa é un compromiso que se adquire coa comunidade universitaria que debe ser negociado e mellorado, pero tamén cumprido.

Todo o programa susténtase na firme crenza de que adquirimos un compromiso estable con todos e todas, ben sexan da comunidade universitaria, ben sexa do contorno social que nos rodea.

Por iso queremos deixar patente cales son os grandes acordos aos que nos comprometemos con esta candidatura:

  • Propiciar o diálogo coas diferentes instancias da USC (centros, departamentos, institutos, unidades, sindicatos, grupos organizados de PDI, PAS e estudantes, …) a través da súa representaicón, coordinación ou dirección para alcanzar consensos e pactos con vontade resolutiva e proxectiva.
  • Infundir a cultura do interese conxunto e compartido da USC, sen esquecer os dereitos e intereses individuais e colectivos.
  • Informar con claridade e transparencia da realidade da USC, tanto cando sexa información positiva e grata como cando sexa problemática e incómoda.
  • Trazar un novo Plan Estratéxico da USC a curto e medio prazo que resulte dun gran pacto amparado polo Claustro desta universidade e que aborde as transformacións precisas na nosa universidade para dar unha resposta intelixente aos novos retos das universidades públicas europeas:
    • Internacionalización da docencia e da investigación.
    • Competitividade por unha imaxe de conxunto con reputación.
    • Maior auto-esixencia no cumprimento das obrigas.
    • Óptimo emprego dos recursos dispoñibles e do financiamento conseguido.
    • Eficacia no logro de obxectivos, con demostrada eficiencia.
    • Rendemento exhaustivo e transparente de contas á sociedade.
  • Desenvolver toda a normativa que requiren os novos Estatutos da USC no prazo de 20 meses para lograr modernizar de xeito activo todas as normas que son precisas para unha universidade do século XXI. Prestar unha especial atención á normalización do uso do galego.
  • Traballar para acadar pactos de calado, que amosen unha comunidade universitaria unida e con forza, no concernente ás liñas xerais orzamentarias, ás políticas de persoal, ao posicionamento da USC no SUG e nas políticas estatais a través da CRUE.
  • Potenciar hábitos de vida saudable que permitan mellorar a calidade de vida diaria da comunidade universitaria, desde os menús dos comedores ata o uso habitual da bicicleta.
  • Potenciar a integración sustentable na cidade, como un dos maiores atractivos da USC, a través de accións de interese xeral: hortos urbanos, fomento do uso da bicicleta, …
  • Entender a conciliación da vida laboral e familiar como unha responsabilidade, fomentando os servizos que garantan a maior comodidade dos membros da comunidade universitaria.
  • Aumentar o valor da figura do Valedor da Comunidade Universitaria, asumindo e aplicando as súas propostas de interese para todos e todas.
  • Mellorar e modernizar os servizos que a USC presta en Lugo e Compostela, analizando a súa importancia para a comunidade universitaria, a súa necesidade e as estratexias de colaboración con outras institucións.
  • Poñer a disposición da sociedade o noso patrimonio, especialmente o histórico, mediante fórmulas que contribúan á súa preservación e permitan manter o activo que supoñen para a USC e a sociedade.
  • Impulsar as transformacións que precisa o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, para seguir sendo un instrumento central de difusión do coñecemento e da cultura xerada desde a nosa universidade.
  • Potenciar a actividade do Servizo de Normalización Lingüística da USC para garantir o avance do galego como lingua vehicular tanto na USC como na sociedade da nosa contorna, e sobre todo fidelizar o uso do galego.
  • Manter unha oferta cultural en Lugo e Compostela que sexa expoñente dunha contribución de calidade e de interese social. Crear unha estratexia para lograr maiores cotas de cofinanciamento por parte doutras institucións ou empresas.
  • Potenciar a práctica deportiva entendida como canle relevante de participación da comunidade universitaria, ex-alumnadoe amigos e amigas da USC nas contornas de Lugo e Compostela, en valores éticos, medioambientais e de colaboración, que son de interese para a USC.
  • Establecer un plan de modernización dos servizos de deportes para lograr aumentar a competitividade dos equipos da USC que compiten en ligas nacionais e internacionais.
image_pdfimage_print