Juan Viaño Rey


Juan Viaño

Juan Viaño

Juan Viaño Rey (Boqueixón, 1955) é catedrático do departamento de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela desde o ano 1988.

Ademais de licenciado pola universidade compostelá (1978), é diplomado avanzado na universidade Pierre et Marie Curie – Paris VI (1981) e doutor tanto pola universidade compostelá como pola propia Pierre et Marie Curie – París VI (1983),

Na actualidade, as súas principais liñas de traballo versan sobre a “modelización matemática e análisis numérico de problemas de estruturas finas e de problemas de contacto en elasto-visco-plasticidade” e sobre a “modelización matemática en problemas de biomecánica”, como a formación de osos, implantes dentais e ortodoncia.

Na súa amplia experiencia na xestión universitaria destaca a dirección do departamento de Matemática Aplicada entre os anos 1986 e 1992, a súa etapa como decano da facultade de Matemáticas entre os anos 2001 e 2009 e ser o vicerreitor de Profesorado e Organización académica entre os ano 2009 e 2010.  Presidente da Comisión de Posta en Marcha do Instituto Español de Matemáticas (IEMath) e co-promotor da súa sede galega (IEMath-Galicia). Co-promotor do consorcio das 3 universidades galegas Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial.

Ademais, Juan Viaño ten unha ampla experiencia como investigador, recoñecida con cinco sexenios, con máis de 80 artigos publicados en revistas de referencia, a dirección de 20 proxectos de investigación competitivos, seis deles internacionais,  e a xestión de máis dunha ducia de contratos con empresas punteiras da economía europea.

Sen embargo, unha das actividades máis importantes para Juan Viaño non momento actual é a coordinación do proxecto Estalmat-Galicia, que logra estimular o talento matemático de máis de vintecinco nenos cada ano con idades comprendidas entre os 12 e os 13 anos. Coa posta en marcha deste proxecto e outras iniciativas baixo o seu mandato como decano, a Facultade de Matemáticas logrou aumentar dun xeito moi importante o número de matriculados e iniciou a senda como un dos centros de formación matemática máis importantes de España.

image_pdfimage_print