Lugo e Santiago, cidades universitarias


A USC artella toda a súa actividade arredor dos seus campus, tanto o de Compostela como o de Lugo. Por iso, queremos expoñer cal é a nosa filosofía e as nosas propostas para os campus e acadar así unha universidade máis activa e mais moderna.

 

Campus de Lugo

  • Garantir os intereses da USC no Campus de Lugo desde a Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.
  • Potenciar a Vicexerencia do Campus de Lugo cunha definición de funcións específicas.
  • Crear a figura do coordinador do programa A Ponte para o Campus de Lugo, para desenvolver a captación específica de estudantes para os títulos oficias do Campus, en especial para os títulos oficiais con baixa demanda.
  • Establecer un plan específico de captación de estudantes estranxeiros para os títulos oficiais do Campus de Lugo, que atenda ao obxectivo de internacionalización da USC.
  • Involucrar ás institucións locais e provinciais para impulsar a visibilidade de Lugo como cidade universitaria e mellorar o seu atractivo para a captación de estudantes internacionais.
  • Establecer un plan de choque para mellorar a matrícula nas titulacións do Campus de Lugo, en diálogo cos centros afectados, para apoiar a súa continuidade.
  • Resolver as necesidades de prácticas de campo e aumentar o recoñecemento docente da coordinación dos Prácticum nas titulacións do Campus.
  • Asegurar que se manteña unha oferta relevante de másteres oficiais desde o Campus de Lugo, prestando especial atención a aquelas ofertas que dean continuidade a títulos de grao xa implantados no Campus e que entronquen coas áreas de especialización do Campus Terra, para contribuír a garantir o carácter de universidade completa –sinal de identidade da USC–.
  • Establecer en Lugo unha Escola de Doutoramento, coa finalidade de desenvolver nela actividades non experimentais dos programas de doutoramento. Esta escola situaríase nun dos espazos xa existentes no Campus.
  • Impulsar a oferta de programas de doutoramento comúns para varios centros para cumprir o requisito do número mínimo de estudantes.
  • Impulsar a oferta de “cuarto ciclo” en Lugo, cunha oferta docente significativa.
  • Analizar fórmulas para solucionar os problemas que ocasionan os traslados de profesorado do Campus de Lugo ao Campus de Santiago. Arbitrar solucións que faciliten a promoción e a consolidación do profesorado do Campus de Lugo, especialmente en titulacións de recente implantación. Atender as necesidades docentes derivadas de xubilacións en áreas con déficit de profesorado. Promover o aumento do número de profesorado doutor con vinculación permanente no censo da Facultade de Formación do Profesorado e da Facultade de Administración e Dirección de Empresas.
  • Renovar a acreditación internacional da Facultade de Veterinaria, solucionando a necesidade da granxa de prácticas, e conseguir novas acreditacións internacionais para outras titulacións do Campus de Lugo, de maneira que sexa un activo para este campus.
  • Desenvolver o proxecto do Campus Terra para o Campus de Lugo, tras unha revisión da memoria que teña en conta as demandas que proveñen da comunidade universitaria lucense para a mellora dos servizos ao tempo que se busca a consecución de fondos adicionais.
  • Garantir servizos do Campus de Lugo (Biblioteca, CLM, CeTA, OAU, OXI, Autoemprego e Orientación Laboral, Cafeterías e Comedores, Reprografía, CITT-OIT, RIAIDT, etc.) dotándoos dos recursos necesarios e mediante unha descentralización na toma de decisións que repercuta na mellora da súa xestión.
  • Estudar a creación de novas unidades administrativas no Campus de Lugo que permitan a continuidade da promoción profesional do Persoal de Administración e Servizos (PAS).
  • Propiciar a unificación de grupos e infraestruturas para a investigación en Lugo, sempre que sexa posible.
  • Trazar un plan para a dotación de infraestruturas pendentes en centros, como as necesidades de espazo na Facultade de Formación do Profesorado, equipamentos para os laboratorios da Facultade de Ciencias, o proxecto do edificio de Enxeñaría Civil, o proxecto do Cebiovet na Facultade de Veterinaria…
  • Dotar de infraestruturas deportivas ao Campus de Lugo, conseguindo financiamento externo para esta finalidade.
  • Analizar os espazos e medios dispoñibles no Campus de Lugo, ante as modificacións nas composicións dos grupos que se producirán nos vindeiros anos, para un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles.
  • Analizar e buscar solucións aos problemas derivados da escasa existencia de departamentos no Campus de Lugo.
  • No marco do desenvolvemento do Campus Terra, garantir o futuro das actividades da Aula de Produtos Lácteos e apoiar a acreditación do laboratorio de ensaios da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (PEMADE).
  • Analizar as necesidades de novas infraestruturas de investigación para os servizos da RIAIDT en Lugo, para trazar un plan de implementación mediante a consecución de fondos FEDER.
  • Modernizar a xestión e organización do Sistema Universitario de Residencias en Lugo, para asegurar un mellor funcionamento das residencias ao tempo que incrementan a participación das e dos estudantes na súa vida diaria.
  • Eliminación de barreiras urbanas e arquitectónicas no Campus de Lugo.
  • Promover as relacións cos centros adscritos do Campus de Lugo (a Escola Universitaria de Relacións Laborais e a Escola Universitaria de Enfermería), estudando a súa posible integración na USC.
  • Recuperar a presenza institucional da USC na cidade e na provincia de Lugo, promovendo as colaboracións con entes locais, provinciais e autonómicos que redunden en beneficio do Campus.

 

Compostela

  • Establecer en Compostela un centro, cun espazo xa construído e con visibilidade nese Campus, para a nova estrutura da Escola de Doutoramento, coa finalidade de desenvolver nel actividades non experimentais dos programas de doutoramento.
  • Integrar neste centro as actividades que desenvolve o actual Centro de Estudos Avanzados.
  •  Revalorizar o “Campus Vida” como un sinal de fortaleza da nosa universidade, exercendo o liderado no ámbito das ciencias da vida en Galicia e implicando aos diferentes actores (outras universidades, institutos de investigación sanitaria, CSIC…).
  • Deseñar plans de incorporación no uso e de viabilidade do Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA) que resulten realistas.
  • Desenvolver un proceso de análise para determinar que centro ou centros singulares de investigación, especialmente relacionados coas humanidades e coas ciencias sociais e xurídicas, son máis viables de inmediato, dadas as potencialidades da USC neses ámbitos do coñecemento, e crealos para reforzar o noso carácter de universidade investigadora completa, evitando que se solapen con institutos e centros de investigación xa existentes na USC.
  • Avaliar e impulsar os procesos relacionados con novos edificios para a Facultade de Medicina e Odontoloxía, a Facultade de Enfermería e o complexo de Ciencias da Educación.
  • Analizar a necesidade de novas infraestruturas en Compostela, para trazar un plan de implementación mediante a consecución de fondos FEDER.
  • Propiciar a unificación de infraestruturas para a investigación en Compostela, sempre que sexa posible.
  • Analizar os espazos e medios dispoñibles no Campus de Compostela, ante as modificacións nas composicións dos grupos que se producirán nos vindeiros anos, para un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles.
  • Mellorar a calidade de vida da comunidade universitaria, a través da modernización dos servizos, a promoción de hábitos saudables e a integración da universidade na vida cotiá da cidade de Santiago.
  • Remodelar a xestión e a organización do Sistema Universitario de Residencias para asegurar en Compostela un mellor funcionamento das residencias e colexios maiores ao tempo que se incremente a participación do alumnado na súa vida diaria.
  • Mellorar as instalacións deportivas da USC en Compostela mediante fórmulas de mecenado, de xeito que se asegure a práctica do deporte tanto competitivo como de ocio.
  • Darlle continuidade ao traballo para a eliminación de barreiras urbanas e arquitectónicas segundo as necesidades en Compostela.

 

image_pdfimage_print