Investigación


>> ApoiosServizos de xestión | Dinamización e internacionalización | Institutos e Centros Singulares | Campus de excelencia internacional | Investigadores contratados | Biblioteca | Comunicación

Os recursos públicos para a investigación universitaria diminuíron drasticamente, o que provoca un contexto de dificultade extrema para manter os niveis de competitividade que debe ter a USC. Afortunadamente, o esforzo dos grupos de investigación acada unha maior captación de fondos internacionais, fundamentalmente da Unión Europea, pero estas novas oportunidades de financiamento no marco europeo esixen cambios de estratexia tanto nos grupos como nos servizos de apoio. Estes cambios precisan de políticas internas proactivas e de melloras importantes na xestión interna.

Nesta situación hai áreas de coñecemento na USC en peor situación, xa que durante anos veñen asegurando a docencia que lles corresponde cun déficit de PDI o que provoca, en numerosas ocasións, a imposibilidade de acometer retos e proxectos de investigación competitivos creando situacións estruturais que deben ser revisadas.

Son sen dúbida estas áreas as que hai que atender con prioridade, comezando por asegurar que deixen de ser deficitarias e seguindo con medidas que faciliten a súa aspiración a facer investigación de calidade en condicións razoables. O beneficio será para o conxunto da USC, que quere ser competitiva en investigación nas cinco grandes áreas que a conforman como universidade completa, e para a sociedade á que nos debemos.

As propostas de goberno son as seguintes:

 

Axudas e apoios a investigación

  • Promover a investigación de todo o PDI da universidade, visibilizando o seu valor social e apoiando especialmente a aqueles investigadores en áreas con déficit de masa crítica investigadora.
  • Crear un programa de apoio interno á investigación, con especial atención a investigadores de áreas con maior docencia e co obxectivo de mellorar a investigación competitiva.
  • Defender nas distintas instancias nas que procede e, en especial a través da CRUE, criterios específicos para valorizar a investigación en función das peculiaridades de cada grande área de coñecemento, tendo presente as reivindicacións neste senso que proveñen das humanidades e das ciencias sociais e xurídicas.
  • Reclamar da Xunta de Galicia unha actualización dos modelos de financiamento estrutural significativo para a investigación e innovación. Atender ás especificidades da USC na revisión destes marcos de financiamento, especialmente na parte de financiamento por obxectivos.
  • Reivindicar da Xunta de Galicia, xunto coas outras universidades do SUG, unha política de recuperación das axudas mediante convocatorias públicas a grupos de investigación, ao tempo que se manteñen as axudas a centros singulares de investigación.

  • Crear unha unidade de captación de recursos de investigación, con especial atención aos contratos singulares co tecido empresarial e de I+D e á internacionalización.

 

Servizos para xestionar e desenvolver a investigación

  • Afondar nos procesos de orientación e axuda por parte da Oficina de Investigación e Tecnoloxía (OIT) da USC na xestión de solicitudes de financiamento público, convenios e programas para garantir a súa boa tramitación e incrementar sensiblemente os recursos obtidos na USC por esta vía.
  • Modernizar a Área de Xestión e Valoración de I+D+i (da OIT) para convertela nunha unidade máis eficaz tanto na xestión como na promoción da I+D+i, cunha especial atención aos programas europeos (Oficina de Proxectos Europeos) tanto para apoiar a redacción e xestión de propostas a eses programas (p.e. Horizonte 2020) como para ofrecer promoción, busca de socios, etc. mplicando a grupos de todas as grandes áreas de coñecemento da USC.
  • Impulsar accións específicas desde a OIT (Oficina de Proxectos Europeos) para informar sobre programas europeos a grupos de investigación de humanidades e de ciencias sociais e xurídicas e axudarlles no deseño de propostas a presentar aestes programas.
  • Reforzar a investigación a través dun plan especifico para os investigadores altamente competitivos que captan recursos singulares dentro da súa área de coñecemento.
  • Propiciar, na medida das posibilidades, a unificación das infraestruturas de investigación, en Lugo e Compostela, para unha maior eficiencia enerxética e de recursos en xeral.
  • Analizar o funcionamento, divulgar o seu uso e modernizar os servizos que prestan a RIAIDT e as plataformas asociadas, ponderando custos-beneficios para a investigación na USC, racionalizando e redefinindo, cando sexa preciso, servizos e plataformas.

  • Crear novos protocolos de comunicación interna que permitan unha maior conexión entre as solicitudes do tecido empresarial e institucional e as liñas de investigación da USC.

Dinamización e internacionalización da investigación

  • Promover contactos directos coas entidades financiadoras internacionais, en particular coas da Unión Europea, co fin de mellorar as posibilidades de éxito das propostas enviadas desde a USC.
  • Promover a presenza de investigadores da USC en foros de decisión estatal e, sobre todo, internacional, tanto públicos como privados, dándolle recoñecemento interno na USC.
  • Incentivar as propostas de proxectos internacionais dos grupos de investigación da USC co fin de aumentar o seu número de forma significativa. Promover a participación de grupos da USC nos consorcios e redes europeas, especialmente naquelas áreas que historicamente presentan un nivel de participación máis baixo. Promover o liderado de grupos da USC nestes proxectos.
  • Atracción de investigadores capaces de liderar grandes proxectos internacionais, poñendo en valor as virtudes da USC como centro de investigación internacional.
  • Promover a creación de agrupacións interdisciplinares que poidan representar un beneficio para a investigación, en especial en proxectos de investigación que aspiren a obter financiamento en programas europeos ou de fundacións que financien proxectos de grande envergadura.

  • Impulsar a internacionalización dos grupos de investigación, promovendo a interrelación con outros grupos a través de diferentes canles, a incorporación de investigadores estranxeiros cualificados nos proxectos de investigación presentados desde grupos da USC, e viceversa.

 

Institutos e centros singulares de investigación

  • Mellorar a efectividade e eficiencia dos institutos e centros de investigación a través da revisión dos protocolos de funcionamento de cada un deles.
  • Actualizar os modelos de xestión orzamentaria e de recursos dos centros  singulares e dos institutos de investigación, creando tamén un sistema claro de avaliación periódica dos grupos e dos investigadores e investigadoras integrantes e un modelo para a integración de novos grupos en función dos seus criterios de calidade investigadora.

  • Ampliar a estrutura de centros singulares ás áreas de ciencias sociais e xurídicas e humanidades, cunha especial atención aos institutos e centros de investigación existentes para evitar solapamentos.

 

Campus de excelencia internacional

  • Reactivar o Campus de excelencia internacional “Campus Vida” como un sinal de fortaleza da nosa universidade, exercendo o liderado e implicando aos diferentes actores (outras universidades, institutos de investigación sanitaria, CSIC, …).
  • Revisión e posta en marcha do proxecto “Campus Terra” no Campus de Lugo, cunha especial atención á optimización dos recursos existentes e á elaboración de estratexias que consoliden a docencia e a investigación relacionadas co proxecto.

  • Reforzar a presenza da USC no proxecto “Campus do Mar”, participando máis activamente nas accións estratéxicas que se establecen.

Investigadores contratados

  • Negociar cos poderes públicos novas políticas que aumenten as axudas para o persoal investigador novo (pre- e pos-doutoral).
  • Crear un programa propio de axudas ao persoal investigador novo procurando obter financiamento externo.
  • Limitar compromisos xerais de estabilización para os novos contratados e promover finalmente a estabilización nos casos nos que se responda a necesidades da USC e se superen os criterios de avaliación previstos de antemán, ou representen un interese estratéxico claro para a nosa universidade.

  • Incorporar persoal a través de programas externos de recursos humanos (Ramón y Cajal e similares) conforme a criterios establecidos de antemán, nos que se atenderá prioritariamente a necesidades de áreas deficitarias en persoal para atender a oferta docente e buscar a mellora da súa competitividade investigadora.

Biblioteca

  • Modernizar e consolidar o sistema de acceso a revistas electrónicas de investigación, de xeito que non sigan diminuíndo os títulos accesibles polos incrementos anuais dos custos para cada universidade. Negociar coa Xunta de Galicia e co Goberno de España, a través do SUG e da CRUE, para asegurar fórmulas que permitan o acceso ás revistas de investigación agora dispoñibles.
  • Transformación da Biblioteca da USC (BUSC) nun centro de recursos para a aprendizaxe, docencia, investigación e xestión, proporcionando servizos con valor engadido e tendo presente as novas posibilidades das TIC e dos novos modelos de comunicación e información. Potenciar o carácter da BUSC como portal da nosa investigación científica.
  • Reforzar o Repositorio Institucional da USC (Minerva) cun programa de iniciativas tanto de divulgación como de xestión.
  • Valorizar o patrimonio bibliográfico da Biblioteca da USC, tanto do Campus de Lugo como de Compostela, e converter á Biblioteca nunha unidade que prestixia USC e permite presentala como universidade do século XXI.
  • Crear accións específicas de comunicación que permitan valorizar o patrimonio bibliográfico e documental da Biblioteca Universitaria, aumentar o seu uso por parte da comunidade universitaria e mellorar a rendibilidade de cada un dos recursos.

 


Accións de comunicación

  • Crear unha unidade de divulgación científica dentro da Área de Comunicación da USC, que permita destacar os aspectos sociais de cada un dos proxectos.Introducir na estratexia de comunicación da USC un programa específico para informar dos distintos avances e novidades que se producen diariamente nos proxectos de investigación da USC, tanto no Campus de Santiago coma no de Lugo.
image_pdfimage_print