Internacionalización


Compartir experiencias, formación e investigación con calquera país do mundo forma parte da nosa misión e temos que lograr mellorar tanto a mobilidade como a captación de recursos no estranxeiro, especialmente os do programa Horizonte 2020 da Comisión Europea.

Os procesos de internacionalización son xa imprescindibles para poder falar dunha universidade completa e complexa. Non debemos pensar só en mobilidade, senón que temos que entender un contexto internacionalizado onde resulta imprescindible estar para poder existir.

A proposta de programa que presentamos fundaméntase en tres puntos básicos. O primeiro, lograr a mellora e modernización de todos os procesos de xestión vinculados á internacionalización, desde a mobilidade ata a busca de financiamento no estranxeiro.

O segundo céntrase nos procesos de visibilización e mellora da reputación, que nos permitirá ser tidos en consideración en todos os foros internacionais de referencia. Por último, é moi importante que creemos unha mellor oferta docente e investigadora en linguas estranxeiras, que sirva como un primeiro imán de atracción para o alumnado e o persoal científico de calquera parte do mundo.

 

As propostas concretas para a internacionalización da USC son as seguintes:

  • Actuacións en materia de reputación para a atracción de alumnado, persoal docente e investigador internacional. Visibilización da USC como institución de calidade nos distintos ámbitos da súa actividade e posta en valor do atractivo dos campus e a súa integración sustentable nas cidades de Santiago e Lugo.
  • Establecemento dun plan de actuacións prioritarias en materia de internacionalización.
  • Modernizar e mellorar a coordinación das distintas unidades involucradas no proceso de atracción e integración dos e das estudantes e do persoal estranxeiro, incluíndo os procesos de visado, matrícula, convalidacións, contratación, etc.
  • Potenciar convenios de colaboración con institucións estratexicamente relevantes para os intereses da USC, con especial atención ao Grupo Compostela
  • Potenciar a internacionalización dos nosos grupos de investigación, con especial atención a aqueles menos internacionalizados. Promover a incorporación de investigadores internacionais en proxectos presentados desde a USC así como dos nosos investigadores en proxectos de grupos estranxeiros.
  • Visibilización e potenciación dos grupos da USC en grandes consorcios ou colaboracións científicas internacionais, poñendo os medios para acadar posicións de liderado cando sexa posible.
  • Promover a formación do persoal da USC en linguas estranxeiras, especialmente o inglés, o portugués e as linguas asiáticas contando para elo co CLM.
  • Promover e potenciar os programas de prácticas para o alumnado en Europa (Europrácticum).
  • Potenciar a mobilidade internacional dos estudantes, PDI e PAS. Establecer acordos de mobilidade no marco do programa ERASMUS+ ou, no seu caso, a través de convenios bilaterais.
  • Potenciar programas de doutoramento internacionais, procurando financiamento do Horizonte 2020 como as Accións Marie Skłodowska-Curie: Innovative Training Networks (ITN) e outras. Promover a realización de teses de doutoramento con mención internacional.
  • Crear un programa de formación para o persoal coordinador, os e as responsables académicos de mobilidade e o alumnado-titor co obxectivo de mellorar a xestión e participación nestas actividades.
  • Mellorar a oferta docente, oficial e propia, en linguas estranxeiras.
  • Crear un programa específico dentro da área de comunicación para publicitar con máis eficacia as posibilidades e oportunidades que ofrece a USC para a comunidade internacional.

 

image_pdfimage_print