Honoris Causa


Onte foi un día interesante. Tiven a oportunidade de visitar a Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte onde puiden escoitar as preocupacións e as ideas que alí teñen para mellorar a USC.

Depois asistín ao acto de investidura do profesor Juan Manuel Escudero Muñoz, unha persoa especialmente querida na USC por dúas razóns. Primeiro, porque foi profesor da nosa universidade nos seus inicios da carreira docente e foi un dos maiores impulsores do que hoxe é Facultade de Ciencias da Educación. Segundo, porque como me dixeron os colegas que alí estaban, “foi unha persoa que creou escola e marcou a traxectoria persoal e profesional de moitos de nós”.

Puiden comprobar tanto no discurso do profesor Escudero como no do seu padriño, o profesor Trillo, a importancia que ten traspasar o coñecemento das aulas á sociedade. A didáctica, materia fondamente investigada polo novo Honoris Causa, é unha ferramenta imprescindible para transmitir coñecemento e, por iso, é especialmente reconfortante comprobar que haxa persoas que pensan e actúan para facer ben á sociedade.