Candidatura de Juan Viaño.
Estas son as nosas ideas para Financiamento


As circunstancias obrigan a que comecemos atendendo ao que é o principal instrumento para desenvolver un proxecto de universidade pública, académica e investigadora, e que cobre as cinco grandes áreas de coñecemento. O maior problema da USC neste momento é o do financiamento e a súa situación económica. Atopar solucións a ambos é indispensable para acadar os obxectivos e metas que nos propoñamos.

A USC perdeu nestes últimos anos peso relativo no escaso financiamento do SUG. A aceptación do actual Plan de Financiamento e dos criterios de reparto vixentes na actualidade, supoñen un prexuízo para a nosa universidade que empeoran o problema económico, que se suma a outras dificultades como o importante descenso dos estudantes por razóns demográficas desde hai unha quincena de anos; a redución dun ano de docencia na maioría dos graos; o aumento das esixencias para poder impartir graos e másteres oficiais; e fórmulas de financiamento dependentes en gran medida do número de estudantes.

Ademais, algúns feitos veñen agravando o panorama conxuntural durante este último mandato, como non obter un apoio suficiente no Claustro para aprobar as liñas xerais do orzamento nos últimos tres anos; que non existira unha política económica clara que permitira reaccionar ante unha situación que se tornou cada vez máis complicada; que non se adoptara unha postura firme fronte ás restricións impostas; e que non se mantivera o nivel de influencia que a USC tiña ante as autoridades do Goberno de Galicia e outros axentes sociais da nosa contorna.

Os membros desta institución –cada quen na responsabilidade que nos corresponde­– temos a obriga de adaptarnos aos novos tempos que vivimos para alcanzar, con eficacia e eficiencia, as metas que a sociedade nos demanda. Esta adaptación non é posible se a USC non recupera o seu prestixio e a autonomía que legalmente lle corresponde para ir determinando, de xeito responsable, un presente e un futuro que sexan sostibles.

Trátase de ter un certo diagnóstico e atopar remedios para o futuro sen laiarse do pasado. Nesta liña están as seguintes propostas coas que pretendemos acadar un mellor financiamento e unha resposta á situación económica da USC.

 

Mellorar a noso funcionamento

 

Mellorar o financiamento público

 

Mellorar e modernizar os procesos de gasto

 

Modernizar a captación de ingresos