Financiamento


As circunstancias obrigan a que comecemos atendendo ao que é o principal instrumento para desenvolver un proxecto de universidade pública, académica e investigadora, e que cobre as cinco grandes áreas de coñecemento. O maior problema da USC neste momento é o do financiamento e a súa situación económica. Atopar solucións a ambos é indispensable para acadar os obxectivos e metas que nos propoñamos.

A USC perdeu nestes últimos anos peso relativo no escaso financiamento do SUG. A aceptación do actual Plan de Financiamento e dos criterios de reparto vixentes na actualidade, supoñen un prexuízo para a nosa universidade que empeoran o problema económico, que se suma a outras dificultades como o importante descenso dos estudantes por razóns demográficas desde hai unha quincena de anos; a redución dun ano de docencia na maioría dos graos; o aumento das esixencias para poder impartir graos e másteres oficiais; e fórmulas de financiamento dependentes en gran medida do número de estudantes.

Ademais, algúns feitos veñen agravando o panorama conxuntural durante este último mandato, como non obter un apoio suficiente no Claustro para aprobar as liñas xerais do orzamento nos últimos tres anos; que non existira unha política económica clara que permitira reaccionar ante unha situación que se tornou cada vez máis complicada; que non se adoptara unha postura firme fronte ás restricións impostas; e que non se mantivera o nivel de influencia que a USC tiña ante as autoridades do Goberno de Galicia e outros axentes sociais da nosa contorna.

Os membros desta institución –cada quen na responsabilidade que nos corresponde­– temos a obriga de adaptarnos aos novos tempos que vivimos para alcanzar, con eficacia e eficiencia, as metas que a sociedade nos demanda. Esta adaptación non é posible se a USC non recupera o seu prestixio e a autonomía que legalmente lle corresponde para ir determinando, de xeito responsable, un presente e un futuro que sexan sostibles.

Trátase de ter un certo diagnóstico e atopar remedios para o futuro sen laiarse do pasado. Nesta liña están as seguintes propostas coas que pretendemos acadar un mellor financiamento e unha resposta á situación económica da USC.

 

Mellorar a noso funcionamento

  • Instalar a metodoloxía da contabilidade de xestión que permitirá coñecer exactamente os gastos e as necesidades que vai ter a USC cada ano. Esta metodoloxía vai ser obrigatoria a partir do 2015 pero a USC precisa adiantar os prazos para poder coñecer a realidade exacta da institución.
  • Profesionalizar a xestión económica a través dunha xerencia con máis competencias en economía e financiamento
  • Establecer as liñas xerais do orzamento do 2015 e a programación plurianual para aprobalas no Claustro a comezos de decembro de 2014, aténdose a unha información detallada da situación económica na que estamos.
  • Establecer un calendario no que se garanta a aprobación das liñas xerais e dos orzamentos no mes de decembro de cada ano.
  • Establecer unha norma estable para a xestión dos remanentes que se xeran cada ano en centros, departamentos e unidades de servizo.
  • Mellorar e modernizar a información pública sobre a aplicación orzamentaria, tanto sobre os ingresos como sobre os gastos e investimentos. O obxectivo é crear un apartado estable na páxina web coa aprobación dos orzamentos do ano 2015.

 

Mellorar o financiamento público

  • Negociar coa Xunta de Galicia un financiamento adecuado para a USC. A partir do 2015 iníciase un novo plan de financiamento plurianual entre a Xunta e as universidades galegas. Neste novo proceso defenderemos a equiparación con outras universidades do Estado e a singularidade da USC que precisa dunha mellora nos criterios de reparto económico debido ás súas singularidades: maior número de PDI doutores, unha oferta docente en todas as áreas de coñecemento, PDI e PAS máis consolidado e con maior número de trienios, quinquenios e sexenios, a maior rendibilidade investigadora no SUG, a xestión do maior patrimonio histórico universitario de Galicia, o compromiso cultural coas cidades de Lugo e Santiago de Compostela e a xestión máis complexa polo elevado número de recursos adicionais captados (públicos e privados) que reverte/redunda directamente na investigación.
  • Deseñar unha estratexia para mellorar a influencia nos poderes públicos, especialmente de Galicia, e conseguir elevar a reputación da USC tanto no sistema público coma no privado, co obxectivo de conseguir que se perciba que a utilización dos recursos universitarios é imprescindible para sair do proceso de crise económica actual.
  • Reivindicar, xunto coas outras universidades do SUG, un incremento do financiamento público destas universidades respecto do PIB, que nos achegue a ratios doutras comunidades autónomas respecto das súas universidades, como Cataluña ou o País Vasco.
  • Negociar un plan específico para o saneamento económico da USC, dadas as dificultades económicas acumuladas nos últimos anos.

 

Mellorar e modernizar os procesos de gasto

  • Pór en práctica unha política sustentable de creación e transformación de prazas de persoal (PDI e PAS), que responda a necesidades e á racionalidade na estrutura do cadro de persoal.
  • Reorganizar a estrutura interna de unidades da USC para gañar en eficacia e eficiencia no desenvolvemento de funcións e para diminuír gastos innecesarios, a través dun diálogo con cada parte afectada e cos órganos de goberno da USC. O obxectivo é iniciar os procesos de cambio no mes de maio de 2015.
  • Establecer un plan de novas adscricións de PAS a unidades da USC en función das previsións de reorganización da súa estrutura, para un aproveitamento adecuado dos recursos humanos.
  • Optimizar o uso das infraestruturas da USC a través dunha análise pormenorizada, da negociación con cada parte implicada e cos órganos de goberno. O obxectivo é iniciar os procesos de modernización en xuño do ano 2015.
  • Formular un plan de aproveitamento adecuado dos recursos humanos en función do plan de optimización das infraestruturas.
  • Modernizar prácticas desfasadas buscando a mellora das funcións do PDI e do PAS, a maior calidade na docencia, na investigación e na xestión dos servizos prestados.

 

Modernizar a captación de ingresos

  • Mellorar o uso público do noso patrimonio histórico para aumentar a rendibilidade social e financeira, a través da negociación coa comunidade universitaria e cos órganos de goberno. O obxectivo é modernizar a xestión do uso destas infraestruturas a partir de febreiro de 2015.
  • Establecer un plan de mecenado por parte de entidades privadas a favor da USC, dirixido especialmente aos axentes e ás entidades que participan significativamente da USC, e cunha repercusión nos ingresos dos centros, departamentos ou grupos de investigación implicados no proceso de patrocinio.
  • Reforzar e modernizar os servizos destinados á captación de recursos económicos externos, especialmente os internacionais (programas europeos, programas de I+D internacionais, …).
  • Modernizar os procesos de xestión dos ingresos derivados da actividade investigadora e docente, promovendo unha maior axilidade tanto na facturación como no control do gasto.
  • Mellorar os servizos responsables do control de impagos para reducir as taxas de morosidade que existen na actualidade na USC.

 

image_pdfimage_print