Estudantes


Os e as estudantes son a razón da existencia da Universidade de Santiago de Compostela. Por iso requiren unha atención especial que garanta a súa mellor formación e comodidade.

A nosa proposta cara o alumnado agrúpase en tres liñas de acción que permitan mellorar a aprendizaxe, a comodidade e a conexión co tecido empresarial, social e institucional que nos rodea.

Cremos nunha universidade pública, o que necesariamente implica unha elevada responsabilidade social coa sociedade. Por iso, é a nosa obriga garantir que as persoas que se forman na USC gocen das mellores condicións para poder acadar as competencias previstas en cada curso, cos recursos óptimos e, sobre todo, con todo o esforzo da institución para acadar o éxito.

Por iso, os eixes sobre os que construímos a nosa proposta non poden reducirse soamente a concepcións teóricas. Temos que entender as necesidades actuais dos mozos, dos profesionais que queren mellorar a súa formación, das familias que depositan en nós a esperanza do futuro dos seus fillos e fillas e de todos aqueles que queren formar parte da nosa universidade. Necesitamos, en definitiva, converter todas estas necesidades en accións que nos permitan chegar a ter unha USC mellor.

 

As propostas concretas para o alumnado son as que se indican a continuación:

Simplificación administrativa

  • Simplificar a burocracia nos procesos de xestión entre o alumnado e os diferentes centros e servizos, con especial atención aos procesos de matrícula, solicitude de validacións, expedición de títulos, convocatorias de mobilidade e de prácticas externas.
  • Modernizar as distintas unidades encargadas da información ao alumnado para obter unha maior eficacia na resolución de problemas (oficina de información, bolsas, Servizo de Relacións Exteriores, voluntariado, orientación laboral, …).
  • Crear unha comisión mixta entre os órganos de goberno da USC e os colectivos de estudantes que permita manter un diálogo constante e fluído sobre as necesidades e melloras na USC.

 

Mellor conexión co tecido laboral

  • Implicar ao Consello Social nos contactos co tecido empresarial en relación ao proceso de definición de prácticas externas do alumnado.
  • Mellorar a xestión das prácticas externas nos centros, tanto de grao como de másteres, que permitan unha mellor conexión entre o tecido empresarial e a universidade.
  • Ampliar as colaboracións co tecido empresarial e institucional para que o alumnado da USC teña máis posibilidades de facer prácticas externas.
  • Mellorar a xestión do Prácticum para os graduados e graduadas.
  • Crear canles de comunicación e de fidelización cos estudantes graduados, apoiándose especialmente na Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC.

 

Modernizar os sistemas de aprendizaxe

  • Fomentar a internacionalización do noso alumnado a través do apoio á mobilidade a universidades estranxeiras, especialmente facendo uso das bolsas ERASMUS ou similares.
  • Creación de novos convenios e acordos con universidades estranxeiras.
  • Reclamar e negociar un incremento das bolsas e das contías que posibiliten a mobilidade do alumnado de grao, máster e doutoramento a outras universidades, especialmente estranxeiras.
  • Potenciación do doutoramento con Mención Internacional e do Doutoramento Europeo como elementos que garantan complementos formativos de calidade.
  • Fomento da formación académica noutras linguas, especialmente en inglés, mediante materias impartidas nesa lingua por docentes da USC ou mediante cursos ou conferencias impartidas por profesores visitantes estranxeiros.
  • Potenciación do Campus virtual, complementándoo con contornas 2.0, de xeito que se incorporen ás rutinas da USC todas as ferramentas estandarizadas a nivel internacional (facebook, twitter, moodles, …).
  • Mellora dos repositorios bibliográficos e científicos a través da modernización do servizo da biblioteca e de acordos coas principais plataformas virtuais de contidos didácticos.
  • Desenvolver un programa de divulgación científica que abarque contidos de ciencias naturais, tecnoloxía, humanidades e ciencias sociais, que resulte interesante para os e as estudantes da USC e a sociedade galega, con especial singularidade nos contornos dos Campus de Lugo e Santiago.
  • Estudar novas fórmulas de bolsas para o alumnado da USC como contraprestación a colaboracións en actividades puntuais (aulas de informática, residencias, desenvolvemento sostible, orientación, …) incluídas axudas a estudantes do último ano de grao e de posgrao en prácticas.
  • Revisar a normativa de recoñecemento de créditos ECTS por actividades académicas e de extensión universitaria.
  • Analizar as posibilidades de ampliar os períodos de realización de exames.
  • Incrementar notoriamente o número de prazas para o exame de consecución do nivel B1 nunha lingua estranxeira na proba de fala (CLM-B1, speaking), de xeito que se garanta a posibilidade de obter dito nivel mentres se cursa un dos graos da oferta.
  • Ampliar a oferta formativa en competencias transversais, fundamentalmente a expresión oral, a través de iniciativas como a Liga de debate.

 

O día a día, máis cómodo

  • Mellorar a oferta de residencias, comedores e espazos comúns para acurtar a distancia coa demanda.
  • Mellorar os sistemas de xestión e control da calidade de residencias, cafeterías e espazos comúns.
  • Modernizar a figura do Valedor da Comunidade Universitaria para que a súa función teña máis peso na aplicación das accións de mellora e na solución de conflitos.
  • Revitalizar as canles de achega de queixas e suxestións do alumnado.
  • Fomentar e apoiar o asociacionismo do alumnado para cometidos culturais, deportivos ou científicos.
  • Impulsar a cultura da igualdade de xénero, como elemento transversal que debe estar presente na actividade académica, nos procesos interactivos que se dan na USC e na comunicación institucional da nosa universidade.
  • Promover o coñecemento das actividades do Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) entre o alumnado e o PDI para que poidan establecerse proxectos conxuntos de voluntariado e participación social que favorezan a adquisición de competencias e aprendizaxes por parte do alumnado en contacto coa realidade da contorna dos nosos campus.
  • Fomentar o desenvolvemento de proxectos vinculados ao programa Education and Training 2020, marco estratéxico para a cooperación europea no ámbito da educación e a formación.
  • Dar de alta á USC cono entidade de coordinación, acollida e envío de voluntarios europeos e promover a súa participación en distintos consorcios para a innovación e o intercambio de boas prácticas.
  • Eliminar as barreiras urbanas e arquitectónicas segundo as necesidades e seguir ofrecendo asistentes persoais (AP) para os labores da vida diaria ás persoas cun alto grao de dependencia.
  • Fomentar a colaboración dos diferentes servizos universitarios para a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais.
  • Perseguir a normalización na integración dos e das estudantes con discapacidade na nosa universidade baixo os principios de igualdade de oportunidades, accesibilidade universal e deseño para todos e todas.

 

image_pdfimage_print