Candidatura de Juan Viaño.
Estas son as nosas ideas para O Equipo


O equipo que acompaña a Juan Viaño está formado polas seguintes persoas.

Luis Lima

Luis Lima

Responsable de Organización Académica, Profesorado e Persoal Investigador

Luís Lima Rodríguez (Santiago, 1961), licenciado en Medicina e Cirurxía pola USC (1985) e Doutor en Medicina e Cirurxía pola mesma universidade (1988). Completou a súa formación no departamento de farmacoloxía da Università degli Studi di Milano (Italia).

É Profesor Titular de Universidade no Departamento de Fisioloxía desde 1993.

Foi coordinador do Programa de Doutoramento Interuniversitario de Endocrinoloxía, e membro das comisións de redacción e académica de diversas titulacións.

Desempeñou diferentes postos de xestión en diversas áreas dependentes do Vicerreitorado de Investigación como protección radiolóxica e experimentación animal.

A súa actividade investigadora está relacionada co campo da homeostasis enerxética e o papel de diversas interleuquinas no control da inxesta e do peso e composición corporal.

Desde Xaneiro de 2011 é Secretario da Facultade de Medicina e Odontoloxía.

 

Isabel Rodriguez-MoldesIsabel Rodríguez-Moldes

Responsable de Investigación, Innovación e Emprendemento

Isabel Rodríguez-Moldes Rey é Catedrática de Bioloxía Celular na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela dende 2011 e desenvolve a súa actividade investigadora no Centro de Investigación en Bioloxía (CIBUS), no Campus Vida.

É Coordinadora do Grupo de Investigación BRAINSHARK e Investigadora Principal de proxectos de investigación financiados polo Ministerio de Ciencia e Innovación (3) e pola Xunta de Galicia (3) sobre o desenvolvemento do sistema nervioso en vertebrados basais como os tabeiróns. Ten dirixido 10 teses doutorais e diversos traballos de investigación. É coautora de máis de 60 publicacións en revistas internacionais de prestixio. Participou activamente en congresos internacionais tendo sido invitada como conferenciante en varios deles e desenvolve diversas investigacións en colaboración con grupos de investigación internacionais.

Ten desenvolto unha ampla actividade docente tendo sido profesor numerario na Universidade de Vigo antes que na Universidade de Santiago, posto que acadou e 1991.

Desenvolveu diversas actividades de xestión sendo Secretaria do Departamento de Bioloxía Fundamental da USC durante máis de 4 años; Coordinadora das Probas de Acceso á Universidade (PAAU) da materia Bioloxía (Loxse) durante 7 cursos; e dende 2012 é Directora da Escola de Doutoramento Internacional da Universidade de Santiago.

 

Carlos A. SalgadoCarlos A. Salgado

Responsable de Internacionalización

Naceu en Monforte de Lemos en 1971. É Doutor en Física Teórica na Universidade de Santiago de Compostela en 1998. Traballa como contratado postdoutoral no Laboratoire de Physique Théorique da Université de Paris Sud (Orsay) de 1998 a 2001. En 2001 recibe unha Marie Curie Fellowship e posteriormente unha CERN Fellowship para realizar investigacións sobre a Física de QCD a altas temperaturas no Large Hadron Collider do CERN, onde traballa do 2001 ao 2005. En 2005 recibe unha segunda Marie Curie Fellowship para traballar na Università di Roma I “La Sapienza” no 2006 e 2007. No 2008 incorpórase á Universidade de Santiago de Compostela cun contrato Ramón y Cajal da convocatoria do 2005. No ano 2011 recibe unha Starting Grant to European Research Council para realizar o proxecto “Hot and dense QCD in the LHC era (HotLHC)” en colaboración co CERN. Desde febreiro de 2014 é Profesor Titular na Facultade de Física da USC.

A súa actividade científica recóllese en máis de cen publicacións cun importante número de citas así como máis de cen charlas convidadas, incluíndo sesións plenarias en todas as conferencias internacionais máis importantes do seu campo. Ten tamén interese na divulgación científica, tendo organizado as Masterclass do CERN na Facultade de Física nos últimos anos, así como videoconferencias co CERN e cen institutos de educación secundaria, así como videoconferencias co CERN e cen institutos de educación secundaria e un grande número de charlas sobre a Física de Partículas e o CERN.

 

Roberto Javier LópezRoberto Javier López

Responsable de Oferta Docente e Innovación Educativa

Natural de Santiago de Compostela. Doutor en Historia pola Universidade de Oviedo e Profesor Titular de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela.

É autor e editor de varios libros así como de máis dun cento de artigos e traballos de investigación adicados en boa parte á historia da cultura e das mentalidades, e a formación e difusión da opinión pública política na Idade Moderna. Forma parte do Grupo de Investigación de Historia Moderna (GI-1921), e na actualidade participa en dous proxectos de investigación, un adicado ao estudio das actitudes e comportamentos ante os extranxeiro en España e Iberoamérica no século XVIII, e outro á cultura urbana na Coroa de Castela na época moderna. Foi director do Colexio Maior Fonseca, secretario e vicedecano da Facultade de Xeografía e Historia e nestes momentos é director do Departamento de Historia Medieval e Moderna da USC.

 

 

José PereiraJosé Pereira

Responsable de Coordinación e Comunicación

José Pereira Fariña (Moraña – Pontevedra, 1976) é profesor titular do Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e membro do grupo de investigación Novos Medios da USC. Na actualidade, é o decano na Facultade de Ciencias da Comunicación da universidade compostelá e durante tres anos foi o Coordinador de Comunicación Interna e Imaxe Institucional da USC. Entre as súas publicacións, figuran preto de vinte artigos en revistas internacionais e participou na redacción de varios libros sobre o ciberxornalismo. É membro do consello consultivo de Galicia Saudable

Na actualidade, traballa en varios proxectos de investigación internacionais vinculados á análise de contidos e á converxencia dixital entre os diferentes soportes de comunicación.

 

 

 

Dolores ÁlvarezDolores Álvarez

Responsable de Estudantes, Cultura e Extensión Universitaria

Dolores Álvarez, é Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais e Doutora en Economía e Ciencias da Administración Pública e Privada. Tamén é auditora.

Na actualidade é Profesora Titular de Universidade na área de Organización de Empresas e Comercialización. As súas liñas de investigación actuais xiran ao redor dos Recursos Humanos, do Goberno Corporativo e Responsabilidade Social

En posos de xestión, foi a Responsable do gabinete do reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre os anos 2006 e 2007 e Vicerreitora de Calidade e Planificación da Universidade de Santiago de Compostela ata o ano 2010. Tamén foi a xerente da Real Sociedade Económica de Amigos do País

 

 

 

 

Consuelo FerreiroConsuelo Ferreiro

Secretaría Xeral

Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, obtivo o seu doutorado en 1996, coa defensa dunha tese titulada “A determinación das unidades de negociación colectiva”, que determinou a súa especialización en negociación colectiva dentro da disciplina de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, e que lle facilitou a colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial cun estudo sobre ese mesmo tema no seo da Unión Europea.

Da man do citado órgano xudicial dirixiu outro estudo referido ao traballo autónomo, o que lle permitiu investigar na Universidade Panteón-Sorbona, da que hoxe é profesora invitada ao igual que da Universidade de Caen. Durante máis de dez anos foi secretaria do Departamento de Dereito Mercantil e do Traballo e, nestes momentos, ostenta a coordinación do Máster en Xestión e Dirección Laboral e a co-dirección da Cátedra Extraordinaria de Traballo Autónomo.

O seu labor investigador e docente iníciase no curso 1995-1996, como profesora titular de escola, ata o 2003, ano no que accedeu á condición de profesora titular de universidade, despois de ser bolseira FPU desde o ano 1992. Fóra do estritamente académico, foi membro do Consello de Representatividade do Traballo Autónomo (Ministerio de Traballo) e árbitro do Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Javier BuenoJavier Bueno

Responsable do Campus de Lugo

Naceu en Zas (A Coruña en 1965). Doutor Enxeñeiro Agrónomo e Profesor Titular de Universidade da área de Enxeñaría Agroforestal, no Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela. Licenciouse como Enxeñeiro Agrónomo na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos de Lugo e foi Doutor Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid, tras realizar os seus estudios de terceiro ciclo no “Departamento de Ingeniería Rural”. É Profesor da USC dende o ano 1991.

É Membro do grupo de Investigación de Enerxía e Mecanización Agroforestal do Departamento de Enxeñaría Agroforestal. Participou en 21 proxectos de investigación, en 9 deles como investigador principal, tendo varias ducias de publicacións en revistas de referencia. É membro da Asociación Española de Agricultura de Conservación-Suelos Vivos, da Sociedad Española de AgroIngeniería (SEAgIng), da European Society of Agricultural Engineers (EurAgEng) e da American Society of Agricultural and Biological Engineers (ASABE).

Foi director da Residencia Universitaria “Xesús Bal e Gay” de Lugo entre os anos 1994 e 1996; Insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela outorgada en 1996; membro do Claustro Universitario da USC dende o ano 1998; subdirector de Infraestructuras e Finca de Prácticas da Escola Politécnica Superior nos anos 1999 e 2000; membro da Comisión Electoral Central da USC entre os anos 2002 e 2006; director do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC nos anos 2005 e 2006; vicerreitor Adxunto de Oferta e Xestión Académicas da USC nos anos 2006 e 2007; membro do Consello de Goberno da USC nos anos 2010 e 2011.

Tamén ten sido membro da Comisión de Revisión, da Comisión de Calidade e da Comisión de Asuntos Económicos e director da Escola Politécnica Superior de Lugo da USC dende xaneiro de 2007, cargo que desempeña na actualidade.

 

Carme SilvaCarme Silva

Adxunta ao Vicerreitor do Campus de Lugo

Carme Silva Domínguez naceu en Lugo en 1968 e é profesora titular de Filoloxía Galega na Facultade de Humanidades desta cidade. As súas investigacións centráronse inicialmente nalgúns aspectos da sintaxe da lingua galega, aínda que nos últimos tempos interesouse por cuestión de natureza máis sociolóxica. Así chegou a desenvolver unha liña de estudo centrada na análise das características do ensino da lingua galega dirixido ás persoas procedentes de fóra de Galicia que chegaron a nós por causa da inmigración económica. En relación con esta cuestión, a profesora Silva ten estudado tamén os estereotipos ligados aos inmigrantes na prensa escrita. Vencellada ao máster de Servizos Culturais desde o seu deseño inicial -pois formou parte da

comisión académica do título desde o seu proceso de implantación hai oito anos- é na actualidade coordinadora do devandito título. Como docente imparte aulas nas facultades de Humanidades e Formación do Profesorado do campus de Lugo”.

 

 

 

Andrés BarreiroAndrés Barreiro

Adxunto ao Vicerreitor do Campus de Lugo

Profesor Titular da USC desde o ano 1994. Licenciado (1984) e Doutor (1989) en Veterinaria pola Universidade de León. Imparte docencia na Facultade de Veterinaria en materias da área de coñecemento de Ciencias Clínicas Veterinarias, no ámbito do Diagnóstico por Imaxe, na Licenciatura e Grao de Veterinaria e no Máster Universitario “Investigación básica e aplicada en ciencias veterinarias”. Desenvolve actividade clínica, como profesor vinculado e Xefe do Servizo de Diagnóstico por Imaxe, no Hospital Veterinario Universitario Rof Codina. Desempeñou o cargo de Director do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias entre os anos 2002 e 2012.