Blog de campaña


Intelixencia colectiva

Cando deseñamos o proceso para crear o programa apostamos pola intelixencia colectiva. Cremos que os membros da comunidade universitaria están cheos de boas ideas e de forza para que promovelas e defendelas, e sempre pensamos que o mellor programa de goberno é o que conta con aportacións de todos os que queren que as cousas melloren.

A experiencia foi un éxito total. Ata o de agora recibimos preto de un cento de ideas, moitas delas moi interesantes. Desde a aplicación de metodoloxías modernas para mellorar o éxito das iniciativas emprendendoras, ata a creación de unha Comisión de Usuario que lle permita aos profesionais da Área TIC contrastar o seu traballo cos que realmente se van beneficiar del.

A todos, moitas grazas. Eu gañei moito e espero que vós o gañedes conmigo.


Lugo

Pola mañá visitei Lugo, sen dúbida un Campus estratéxico para a USC. Alí o problema máis importante é recuperar o número de estudantes, que baixou demasiado nos últimos anos.

Sempre que vou a Lugo noto que o campus é especial para a cidade. A preocupación das autoridades de alí, tanto o concello coma a deputación, está clara e son moitas as ocasións nas que percibo que é moi importante que recuperemos a forza que ten que ter a USC para situar a Lugo entre as cidades universitarias españolas. Ademais diso, estou moi orgulloso de que alí teñamos facultades que nos permiten a todos sacar peito, con recoñecementos moi importantes incluso a nivel europeo, como é o caso de Veterinaria e da Politécnica Superior.

Agora toca traballar moito porque non podemos permitir que o Campus de Lugo se convirta en algo residual


Colectivos

Na universidade hai varios colectivos, que son moi importantes, e que teñen problemas moi localizados. Onte tiven a oportundiade de estar un par de horas cos investigadores contratados a través de programas públicos de promoción da investigación, como son os Isidro Parga Pondal e Ramón y Cajal.
Comprendín a dimensión dos seus problemas e a súa preocupación. Está claro que algo non facemos ben en España cando investigadores cun currículo excepcional non poden formar parte de xeito claro do sistema de investigación universitario. Creo que temos que pensar nun proceso global de cambios,tanto na USC como na universidade española en xeral, para non deixar que este talento se desespere.


Boas sensacións

A verdade é que unha campaña electoral é un proceso moi entretido. Hoxe pudien comprobar a preocupación que teñen os medios de comunicación pola Universidade de Santiago. Na presentación da candidatura tiven a fortuna de falar con máis de dez medios de comunicación e todas as preguntas amosaban un alto interese nosa universidade. Sentínme cómodo falando de futuro e de modernización.

Un par de amigos faláronme do Campus Vida, non tanto como filosofía senón como infraestrutura. Teñen razon. Está todo bastante mal e compre que nos poñamos dacordo co concello ou con quen sexa para resolver desde as baldosas mal postas ata as instalacións deportivas. É curioso como as actividades de cultura e deportes son moi demandadas e sen embargo as infraestruturas non responden, nin moito menos, ao que deberan ser. Sen dúbida, este vai ser un dos retos que debo asumir se gañamos as eleccións.


Empezamos a aventura

Presentarme a reitor foi unha das decisións máis importantes da miña vida. Máis ala do reto persoal, emocionoume o elevado número de persoas que se mostraron dispostas a axudarme en todo o que precisase. Falo dun grupo interdisciplinar, formado por máis de 600 persoas entre profesores, persoal de administración e servizo e estudantes, que en todo momento me achegaron as súas ideas, as súas opinións e incluso me serviron para contrastar conceptos que pensaba que tiña claros, pero que eran errados.

A todos vós agradézovos o esforzo que fixéstedes. Chegar aquí é xa un logro, que sen dúbida será completo se logramos gañar as eleccións e aplicar a folla de ruta que temos trazado.

Ao longo destes días irei contando as miñas experiencias a través deste blog, de twitter e de facebook. Espero que sigades apoiándome e, sobre todo, que as vosas aportacións sigan sendo tan valiosas para toda a nosa universidade.

Empezamos a aventura

Juan Viaño