Blog de campaña


Aforro e transparencia

Chegamos ao final da campaña. Foron quince días realmente intensos pero mereceron a pena.

Primeiro, porque tiven a oportunidade de confirmar o que fun vendo durante os últimos catro anos e segundo, porque durante tres semanas a USC foi protagonista nos medios de comunicación, con noticias sobre a universidade case todos os días.

Quero rematar esta campaña cunha reflexión sobre o aforro e a transparencia. Hoxe os medios de comunicación publican unha información sobre o que gastamos. Ao final foron, en números redondos, 2.240 euros entre imprimir uns programas e uns carteis e facer unhas fotos. Isto supón menos da metade do que a USC destinou a cada candidatura. Estou contento porque logramos gastar pouco facendo un bo traballo. Isto supón que lle imos devolver á USC un par de miles de euros que boa falta nos fan.

Grazas a todos pola vosa colaboración e a vosa amabilidade. Espero celebralo, aínda máis, o día 25.


A urbanización do Campus Vida

Estes días festivos din unhas voltas polo Campus. Non descubro nada se afirmo que está fatal e non acabo de atopar explicación das causas do seu deterioro. No Consello de Goberno falamos varias veces deste problema e do convenio que temos co Concello. É certo que hai compromisos municipais para adecentalo que non se están cumprindo, pero creo que nós tamén temos que ser proactivos e facer algo. O Campus segue sendo un centro importante de esparcemento para os cidadáns de Santiago e un dos lugares máis representativos da USC. É preciso que tomemos decisións e adecentemos un lugar que é a casa de todos, e que agora mesmo non parece de ninguén.

Creo que non é cuestión de cartos, senón de planificar as accións ao longo de dous ou tres anos e acometelas. Non debemos deixarnos atropelar pola burocracia para unha cousa importante, como é esta.


Os folletos

Levo recibidas varias críticas por non utilizar folletos na campaña. A verdade é que o meu equipo de comunicación me recomendou modernizar a nosa forma de presentarnos, demostrando a eficacia do que indicamos no noso programa. Por iso fixemos unha aposta especial pola comunicación a través da web, das redes sociais e do correo electrónico.

Con esta estratexia buscabamos a personalización das mensaxes, o aforre de custes e os criterios que para nós son importantes, coma os ecolóxicos. A nosa web leva máis de 9000 visitas e os mecanismos de interactividade funcionaron, ben cando era a hora de buscar aportacións para o programa, ben cando era o momento da difusión das nosas mensaxes.

Para lograr chegar a 9.000 persoas con folletos precisariamos dun orzamento que superaría os 3.000 euros, unha cantidade que invertiríamos en folletos e carteis que moi probablemente remataran no lixo.

É certo que a cartelería axuda a crear clima de eleccións e por iso fixemos unha tirada de 200 carteis para colocar polos centros e residencias. Sen embargo non fixemos ningún folleto, agás a impresión de 100 exemplares do programa que podedes ver en http://www.juanviano.com/descarga-o-programa-completo/. O custe de todo isto non chega aos mil euros.

Creo que fixemos ben, e espero que podamos comprobalo o día 25, gañando as eleccións.


Reunións sectorias

Son días de ducias de reunións. Ademais das visitas aos centros estoume vendo con moitos representantes de pequenos grupos de profesores, investigadores e PAS. Cada un trae os seus problemas e sobre todo, buscan solucións.

Recoñezo que algunhas das propostas son especialmente singulares e lamentablemente teño que contestar que a singularidade non pode ser xeralizada. Asumo o estudo do problema e incluso podo aportar unha liña de traballo, pero sempre debemos deixar claro que hai cousas que teñen que ser estudadas con moito detalle desde o goberno.

Sen embargo, noutras ocasións os problemas son xerais e neses casos si que me podo aventurar cunha solución moito máis concreta. Somos un colectivo de case 4.000 traballadores e preto de 30.000 estudantes, o que nos convirte nunha institución con miles de problemas. Cada día, teño máis ganas de resolvelos.


O meu equipo e as críticas

Hai uns días fixen público o meu equipo. A verdade é que estou moi contento porque creo que logrei xuntar ás persoas idóneas para poñer en acción todas as propostas do programa e lograr que o proxecto, o de universidade pública máis moderna, funcione.

Durante os días previos á publicación recibín moitas críticas de amigos, e incluso da outra candidatura, por non facer públicos os nomes das persoas que me acompañan. Incluso me chegaron a dicir que non tiña equipo.

O certo é que tardei uns días por dúas razóns. A primeira, porque necesitaba axustar o mellor posible as persoas que tiña ás funcións a facer. Publicamos as ideas principais do programa do día 25 de marzo, pero fixemos cambios bastante importantes despois de recibir as achegas de toda a comunidade universitaria e por iso tiña que reaxustar as funcións.

A segunda, por propia estratexia. Decidimos publicar o equipo de dirección completo, con vicerreitores adxuntos incluídos, co obxectivo de que toda a comunidade comprendese a dimensión total do meu proxecto. O único que non anunciamos foi a xerencia, xa que os os estatutos nos obrigan a consensuar a persoa elixida co Consello Social.

En fin, comezamos unha semana que só ten tres días de campaña o que nos obriga a facer aínda un maior esforzo para visitar e escoitar o que nos din desde os centros.


Código Viaño

Onte irrumpiu o humor na campaña. Grazas ao talento de El Cantor Compostelano puxémoslle música ao noso proxecto.

El Cantor Compostela é un duo ben simpático de estudantes de Xornalismo que teñen a habilidade de crear cancións simpáticas de profesores e tiven a sorte de que se fixaran en nós.

Sempre me gustou o bo humor, o elegante e co que nos rimos todos. Cando escoitamos a canción no equipo de campaña non dubidamos de que era unha honra ser homenaxeado así.

Tan pronto a colgamos na web os medios de comunicación comezaron a chamar e as redes sociais comezaron a medrar. Creo que foi unha boa idea.

O dito, temos que comezar a recta final do proceso electoral con humor e con moita forza

 


Honoris Causa

Onte foi un día interesante. Tiven a oportunidade de visitar a Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte onde puiden escoitar as preocupacións e as ideas que alí teñen para mellorar a USC.

Depois asistín ao acto de investidura do profesor Juan Manuel Escudero Muñoz, unha persoa especialmente querida na USC por dúas razóns. Primeiro, porque foi profesor da nosa universidade nos seus inicios da carreira docente e foi un dos maiores impulsores do que hoxe é Facultade de Ciencias da Educación. Segundo, porque como me dixeron os colegas que alí estaban, “foi unha persoa que creou escola e marcou a traxectoria persoal e profesional de moitos de nós”.

Puiden comprobar tanto no discurso do profesor Escudero como no do seu padriño, o profesor Trillo, a importancia que ten traspasar o coñecemento das aulas á sociedade. A didáctica, materia fondamente investigada polo novo Honoris Causa, é unha ferramenta imprescindible para transmitir coñecemento e, por iso, é especialmente reconfortante comprobar que haxa persoas que pensan e actúan para facer ben á sociedade.

 


Debates

Onte comezamos a “época” de debates. Imos ter oito entre os organizados polos medios de comunicación e os máis institucionais.
Nun primeiro momento pensei que ían ser moitos, cun serio perigo de aburrir á comunidade universitaria. Sen embargo, creo que é moi importante que durante uns días, polo menos, se fale da universidade, dos seus problemas e do seu futuro.
Estamos vivindo tempos difíciles e precisamos cambiar radicalmente de rumbo para construir unha nova universidade. Creo que se pode lograr, e proba delo son as máis de 150 achegas que nos fixeron ao programa e as 3.000 visitas que recibimos en juanviano.com. Así é a USC en acción e así é a USC que queremos.


Estou aprendendo moito

Como xa dixen onte, iniciamos as visitas aos centros onde puidemos escoitar, de primeira man, as inquedanzas da comunidade universitaria.

As visitas están sendo un éxito. Asiste moita xente, cousa que agradezo, e sobre todo as intervencións son de alto interese. Hai casos nos que aprendo que hai preocupacións puntuais, pero moi importantes para unha facultade. Por exemplo, en Filoloxía preguntáronme polos profesores lectores, unha figura exclusiva desta facultade pero cunha grande importancia para a formación de idiomas. Creo nela e tentarémola refozar todo o que poidamos.

Tamén comprobei sensibilidades diferentes entre os centros de Ciencias Sociais e Humanidades e os de Ciencias da vida e Experimentais. Entendo que hai diferenzas entre eles que deben ser tidas moi en conta para ser xustos nas accións de goberno, desde o reparto económico ata a medición da produción científica.

A USC é unha universidade completa grazas a todos os títulos e polo tanto debemos eliminar calquera inxustiza que se produza cun centro, área, servizo ou departamento.


Comezamos as visitas

Levo xa varios meses reuníndome coa Comunidade Universitaria e a verdade é que confirmei o que levaba estudiado durante os últimos catro anos.

Hai casos nos que me explican problemas complexos e noutros nos que me aportan ideas interesantes para mellorar e modernizar a USC. Con toda esta información elaboramos un programa que será público nuns días e agora toca explicalo.

Hoxe comezamos as visitas aos centros da USC e durante un par de semanas temos previsto estar en todas as escolas, facultades, centros de investigación e servizos, tanto en Lugo coma en Santiago.

A verdade é que teño un certo vértigo porque é a primeira vez que fago isto. Sen embargo, recoñezo que estou moi ilusionado porque creo que teño un proxecto consolidade e interesante para a USC. Agora espero ser capaz de convencer aos meus compañeiros, ao Personal de Administración e Servizos e aos Estudantes. Polo menos, síntome con moita forza