Archivo diario: 16/04/2014


Os folletos

Levo recibidas varias críticas por non utilizar folletos na campaña. A verdade é que o meu equipo de comunicación me recomendou modernizar a nosa forma de presentarnos, demostrando a eficacia do que indicamos no noso programa. Por iso fixemos unha aposta especial pola comunicación a través da web, das redes sociais e do correo electrónico.

Con esta estratexia buscabamos a personalización das mensaxes, o aforre de custes e os criterios que para nós son importantes, coma os ecolóxicos. A nosa web leva máis de 9000 visitas e os mecanismos de interactividade funcionaron, ben cando era a hora de buscar aportacións para o programa, ben cando era o momento da difusión das nosas mensaxes.

Para lograr chegar a 9.000 persoas con folletos precisariamos dun orzamento que superaría os 3.000 euros, unha cantidade que invertiríamos en folletos e carteis que moi probablemente remataran no lixo.

É certo que a cartelería axuda a crear clima de eleccións e por iso fixemos unha tirada de 200 carteis para colocar polos centros e residencias. Sen embargo non fixemos ningún folleto, agás a impresión de 100 exemplares do programa que podedes ver en http://www.juanviano.com/descarga-o-programa-completo/. O custe de todo isto non chega aos mil euros.

Creo que fixemos ben, e espero que podamos comprobalo o día 25, gañando as eleccións.