Archivo diario: 14/04/2014


O meu equipo e as críticas

Hai uns días fixen público o meu equipo. A verdade é que estou moi contento porque creo que logrei xuntar ás persoas idóneas para poñer en acción todas as propostas do programa e lograr que o proxecto, o de universidade pública máis moderna, funcione.

Durante os días previos á publicación recibín moitas críticas de amigos, e incluso da outra candidatura, por non facer públicos os nomes das persoas que me acompañan. Incluso me chegaron a dicir que non tiña equipo.

O certo é que tardei uns días por dúas razóns. A primeira, porque necesitaba axustar o mellor posible as persoas que tiña ás funcións a facer. Publicamos as ideas principais do programa do día 25 de marzo, pero fixemos cambios bastante importantes despois de recibir as achegas de toda a comunidade universitaria e por iso tiña que reaxustar as funcións.

A segunda, por propia estratexia. Decidimos publicar o equipo de dirección completo, con vicerreitores adxuntos incluídos, co obxectivo de que toda a comunidade comprendese a dimensión total do meu proxecto. O único que non anunciamos foi a xerencia, xa que os os estatutos nos obrigan a consensuar a persoa elixida co Consello Social.

En fin, comezamos unha semana que só ten tres días de campaña o que nos obriga a facer aínda un maior esforzo para visitar e escoitar o que nos din desde os centros.